No 2008, en Italia, coñécense o pianista Maurizio Polsinelli e a cantante Carmen Penim e deciden formar 2naFronteira, un dúo cuxa característica fundamental é o eclecticismo musical e a súa prolífica e orixinal creatividade. Nas súas composicións conflúe o mundo clásico e de rock progresivo de Maurizio e o mundo da música tradicional e o jazz con influencias de músicas do mundo de Carmen. Esta mestura fainos difíciles de encadrar nun estilo e fai que a súa proposta sexa moi persoal e fresca, diferente e sempre de calidade, con moito espazo para a improvisación e o xogo no escenario.  Deste xeito, os seus concertos deixan pegada no público.

Dende o 2013 aséntanse en Galicia obtendo premios e recoñecementos, e o apoio da Xunta de Galicia aos discos editados como dúo ou ben individualmente como Carmen Penim. Son xa seis os traballos editados, que se completan con outros inéditos e propostas únicas, como percorridos musicais con catas de viños por rutas (Camiño de Santiago, Colón…). Ademais contan cun espectáculo de música sefardí e outro de música sacra co órgano e o harmonio como instrumentos protagonistas.

No centro dos seus traballos, sempre a poesía, a muller, a lingua e cultura galegas, o compromiso e a solidariedade. E agora tamén, a infancia, xa que no 2022 editan con Toxosoutos un audiolibro infantil: A fraga de Pasacorrendo que ten a súa versión para o escenario: un espectáculo participativo de contacontos e cancións que encandila a nenos e nenas de 3 a 9 anos.

CONTRATACIÓN

 

Carmen Penim

Carmen Penim

Carmen canta e escribe dende que ten memoria, pero só aborda unha formación máis técnica do canto xa na súa madurez cando vive en Italia, onde estuda canto lírico e jazz e didáctica do canto. O seu traballo como compositora é intuitivo e libre, sen respectar as fronteiras entre os xéneros, moi relacionado coa conexión coa natureza e o seu compromiso ideolóxico. Xunto co seu compañeiro Maurizio Polsinelli edita catro CD nos que musicalizan poetas galegos, casteláns e portugueses, ademais de poemas de Carmen. No 2017 publica en solitario o libro-CD Herdeiras, un traballo significativo sobre a muller e a memoria. E no 2020, Cantos de terra e sal, con versións actualizadas de cantos tradicionais, polo que obtén o Premio Opinión á mellor adaptación de tema tradicional. No 2016 o seu dúo 2naFronteira, foi recoñecido como Xuíces honorarios do Couto Misto. A obra escrita de Carmen está na sala de escritores e escritores do Museo da Limia. Forma parte do programa de EduReferentes da Asociación de Executivas de Galicia. Carmen ten outra faceta profesional: é doutora en Educación (UNED) e filóloga (USC), e catedrática de instituto de lingua castelá. Imparte tamén cursos como formadora de formadores. Ten editados varios libros científicos e un poemario. No 2022 sae o seu primeiro libro de contos infantís (Toxosoutos) con audiocontos e cancións orixinais: A fraga de Pasacorrendo.

Maurizio Polsinelli

Maurizio Polsinelli

Maurizio formouse no conservatorio de Roma como pianista, cidade na que levou a cabo a súa actividade profesional musical no mundo clásico e como cofundador do grupo rock progresivo Pane, co que editou catro CD e colleitou varios premios e recoñecementos. Durante máis de 20 anos foi organista e harmonicista nas igrexas de Roma. Conta tamén con formación noutros estilos, como o jazz. Compón música para obras teatrais e para a TV e a radio italianas e para exposicións de arte multidisciplinarias. Dende o 2013 vive en Galicia, editando, xunto á súa compañeira, Carmen Penim, catro CD nos que musicalizan poetas galegos, casteláns e portugueses, ademais de poemas de Carmen. No 2016 o seu dúo 2naFronteira, é recoñecido como Xuíces honorarios do Couto Misto. O que máis destaca nel como pianista é a súa calidade técnica, a súa gran versatilidade e a capacidade de improvisación. En canto á súa outra faceta profesional, Maurizio é profesor de italiano (estudou Filoloxía) e mediador cultural. Xa en Italia ve publicada parte da súa obra literaria e agora, no 2022, viu a luz a súa poesía en galego: O deber do lume (Medulia). Leva gañados varios premios en concursos poéticos de Galicia. O máis recente deles levará á publicación do seu segundo poemario no 2023: “Cartografía dos tránsitos”.

 

GALERÍA DE FOTOS