O dúo Galia ten como obxectivo principal a estrea, recuperación, gravación e difusión do repertorio de compositoras e compositores galegos, ou que teñen a Galicia como referencia, poñendo en valor o noso rico e variado acervo cultural e patrimonial.
Entre o seu repertorio destacan obras dos compositores históricos coma Marcial del Adalid, Juan Montes, Pascual Veiga, José Castro Chané, José Baldomir, José Fernández Vide, Reveriano Soutullo, Andrés Gaos, ou dos actuais Juan Durán, Margarita Viso, María Mendoza, Xabier Comesanha e Paulino Pereiro, entre moitos outros.
Teñen participado nos seguintes eventos, entre outros: concerto dentro do simposio «O espello de Galicia en América: Ideoloxía, emigración e exilio (1875-1951). Cancións galegas de aquí e de alá», celebrado no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela. Festival Espazos Sonoros co título «Do Minuet da princesa á alborada. Pregos manuscritos ao gusto do público burgués», celebrado no Liceo de Ourense. Concerto organizado pola Real Academia Galega titulado «Fanny Garrido, un percorrido pola súa obra e polos seus versos musicados». IV Ciclo Lírico de Ourense. Primeiro Ciclo de Piano, efectuado en Redondela e dedicado a figura de Adalid, onde interpretaron repertorio do compositor con textos da escritora Fanny Garrido.

Susana de Lorenzo (soprano)
Soprano que combina a Música co ensino do Latín e o Grego. A súa traxectoria defínese pola variedade de repertorios e estilos, incluída a creación como compositora. Actuou coa Orquestra Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Melide, Orquestra de Cámara Galega, Orquestra Gaos, Cuarteto Mondello e a Banda Municipal da Coruña. Foi soprano solista da Compañía Lírica de Galicia; gravou con DOA A fronda dos cervos e fundou Deusa Tola con Xoan Piñón. Xunto a Rosario Martínez e Beatriz López-Suevos, forman o grupo de recuperación e difusión da obra da compositora Eugenia Osterberger e co pianista Javier Ares estrea cancións de López García-Picos. Co artista multimedia Jesús Sú adentarase na creación e interpretación do Cine Experimental e Electroacústica coa estrea de audiovisual con música en directo Krista Cristal.

Alejo Amoedo (piano)
Pianista especializado no repertorio de compositores galegos, realiza estudios de acompañamento vocal en Madrid co lendario pianista Miguel Zanetti. A súa ampla traxectoria levouno á realización de numerosos recitais, estreando obras de Groba, García-Picos, Durán, Carro, Eiras, Paz Valverde, Vila, Cambeiro, Viso, Brotóns, entre outros. Foi pianista acompañante nos conservatorios profesionais de Pontevedra e Vigo, así como na Escola Superior de Música e dás Artes do Espectáculo de Porto e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago. Na actualidade pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia. É integrante da Irmandade da Música Galega e membro da Sección de Artes Escénicas, Música e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega.